Monday 29 de April de 2024

O Concello recuperará o estanque do Monte de San Pedro con novas especies e vexetación


A actuación conta cun orzamento de 58.000 euros, financiados ao 90% con fondos Next Generation

O Concello da Coruña recuperará o estanque do Monte de San Pedro, que contará con novas especies e vexetación. O Goberno de Inés Rey avanza así na posta en valor do espazo natural, ao que se sumarán outras actuacións previstas como a reparación do elevador panorámico do Monte de San Pedro por 750.000 euros.

De acordo coa liña de axudas para a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral convocada pola Dirección Xeral de Turismo, o Concello da Coruña levará a cabo a renaturalización do estanque co obxectivo de mellorar o seu aspecto e estado de conservación. Mellorarase o regato existente, crearanse zonas de caída de auga seguindo a topografía do terreo e plantarase vexetación de ribeira nas marxes e plantas na contorna do estanque, xunto con terra vexetal para crear unha zona de plantación con novos exemplares. Ademais, formarase unha illa con vexetación acuática e eliminaranse especies invasoras.

Un dos principais problemas do actual estanque é a súa profundidade, polo que a auga tende a sobrequentarse con maior facilidade facendo que proliferen algas e outros organismos que afean o aspecto. Para iso, levarase a cabo tamén un aumento do vaso de formigón existente xunto coa profundidade do estanque, con readaptación das cotas dos aliviadores.

O proxecto contará cun orzamento de 57.734,44 euros, subvencionados ao 90% con fondos procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. O proxecto avanza na integración ambiental e urbana como atractivo turístico do Monte de San Pedro, na liña da consolidación como destino de garantía sostible pola certificación Biosphere, recollido este mesmo ano en Fitur.